O PP de Gondomar advirte de irregularidades na construción do skatepark

O pasado 23 de novembro o Partido Popular de Gondomar advertiu por escrito ao Concello de Gondomar que na obra do Skatepark que se estaba executando na contorna do Parque da Coelleira non se estaba cumprindo co especificado no proxecto técnico. En concreto denunciábase que en lugar de facer os muros de formigón armado estábanse levantando muros de bloque prefabricado, o que para os populares supuña un incumprimento do contrato. Ademais consideran que a solución de facer os muros de bloque prefabricado e despois revestir con morteiro non é a solución mais axeitada para este tipo de construcións. O venres 25 de novembro, e unha vez que o Concello tivo coñecemento desta incidencia, o Arquitecto e Director da obra presenta un proxecto modificado, recollendo no mesmo a solución construtiva que se estaba realizando sen que supuxera un cambio no prezo da mesma. Tampouco se comunicou a Augas de Galicia o cambio de solución construtiva no proxecto de construción, tal e como está reflectido na autorización emitida pola mesma.

O Concello adxudicou o pasado 30 outubro a construción do Skatepark á empresa ZONA DE OBRA O ROSAL, S.L. por importe de 63.499,59 euros, cun prazo de execución de tres meses e unha garantía total de 6 anos. A obra está totalmente subvencionada pola Deputación Provincial de Pontevedra. Para o PP gondomareño quizais o lugar non é o máis idóneo para a súa construción ao tratarse dunha zona inundable, e máis despois de que o Alcalde desistise da obra de Acondicionamento do Parque de Ánimas “motivada esta desistencia no feito que supón ser este parque un lugar moi propenso a inundacións como se puido comprobar coas intensas chuvias de este último outono-inverno, xunto coa necesidade de financiar outros investimentos máis necesarios e urxentes demandados pola veciñanza e de maior interese xeral”, segundo as súas propias palabras.

Consultado o expediente por parte dos concelleiros do Partido Popular atópanse con que esta foi certificada, recepcionada e pagada o luns 30 de novembro, o que os colle de sorpresa o comprobar como os operarios estaban aínda traballando na mesma o día 1 de decembro. Para o Partido Popular de Gondomar non é comprensible que o Concello volva cometer o mesmo erro que tiveron coa pasarela peonil sobre o río Zamáns, a cal tamén fora certificada, recepcionada e pagada antes do seu remate, o que levou á perda da subvención concedida pola Deputación Provincial de Pontevedra, debendo facer fronte ao pago da mesma con fondos propios do Concello.

“Este tipo de situacións veñen dadas pola falta de previsión do goberno municipal que fai as cousas ás presas e correndo e despois veñen estes problemas. O goberno máis caro da historia de Gondomar e con máis dedicacións exclusivas que nunca, non está facendo o seu traballo de seguimento da acción municipal como son as obras que se están realizando”, argumenta Paula Bouzós, voceira do PP gondomareño.

O alcalde, Paco Ferreira, saíu ao paso das acusacións asegurando que todo o procedemento realizouse baixo unha estrita legalidade e aseverou que se o PP está a poñer en dúbida todo o proceso, “están a cuestionar o labor realizado polos funcionarios municipais, entre eles o Interventor, Secretario ou Arquitectos”. En canto á suposta recepción da obra antes da súa finalización, Ferreira reiterou que o complexo deportivo está terminado oficialmente desde o pasado día 30, xa está aberto ao público e os traballos denunciados polo PP son periféricos ao proxecto, entre eles os noiros resultantes da elevación da cota respecto ao chan ademais do acceso ao parque próximo. “Estiveron alisando e botando terra ademais de area porque as máquinas deixaron todo bastante mal. Tamén están os operarios colocando uns focos de bastante potencia e que van ancorados a unha das fachadas do CDL, son elementos complementarios á pista”, engade.