Xa á venda o calendario solidario do Centro Juan María e Yaracan

O Centro de Educación Especial Juan María de Nigrán, xunto coa empresa Yaracan, que se dedica ás intervencións asistidas con animais, acaban de sacar á venda o calendario solidario 2021. A iniciativa desenvolveuse en menos dunha semana e foi posible polo empuxe e implicación das “profes” do Centro Juan María, o enxeño do fotógrafo Bruno Rodríguez, e o “baile” e preciosa sintonía que protagonizan os alumnos e alumnas do cole ademais dos cans de terapia de Yaracan cada vez que se xuntan.

O resultado son 12 instantáneas + 1 que representan o amor e a química que xorden cando almas tan puras xúntanse. O obxectivo foi tentar transmitir o traballo, a alegría e o agarimo que se vive do día a día no Centro Juan María. Coa recadación da súa venda, o alumnado poderá realizar diferentes actividades terapéuticas cos cans da organización Yaracan, beneficiándose de todo o que lles achega o contacto con eles.

O prezo dos calendarios é de 6 € e poderanse adquirir no Centro Juan María ou na súa tenda juanmariabylolola no Centro Comercial da Praza Elíptica de Vigo.