O Conservatorio de Gondomar despide o ano académico cun concerto dos seus alumnos e alumnas

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Concerto Fin de Curso do Conservatorio de Gondomar 2019.

O Conservatorio Elemental de Gondomar despide o ano académico cun concerto na Praza Paradela, este mércores 2 de xuño ás 19:00 horas. O alumnado de cuarto curso será o encargado de interpretar varias pezas preparadas para a ocasión. No caso de que o tempo non o permita trasladarase a súa actuación ao Auditorio Municipal Lois Tobío onde só poderán acceder como público as familias do alumnado, atendendo á normativa establecida de aforo nos espazos interiores.

A ilusión e as ganas que non faltaron ao longo e complicado ano académico no conservatorio poñeranse en escena este mércores co concerto no que participarán os 14 alumnos e alumnas do último ano. Despídense do Conservatorio e farano coa súa actuación maila do coro e as agrupacións de ventos e cordas, cun repertorio variado no que se inclúen pezas de Schumann, Satie, Baermann, Mendelsson ou J. Williams, entre outros.

Os responsables do centro recoñecen que foi un ano duro no que tiveron que afacerse á “nova normalidade” imposta pola pandemia da covid19, adaptando as aulas e as clases ás normas e aforo que se ían marcando polas autoridades “sen que iso supuxera para nós e o alumnado ningún traballo para seguir adiante coas mesmas ganas e forzas de sempre, facendo o que máis nos gusta”.

O Conservatorio Elemental de Música de Gondomar contou este ano con preto dun centenar de alumnos matriculados nalgunha das seis especialidades instrumentais que nel imparte un equipo integrado por cinco profesores. Con preto de 40 anos de vida, marcou os seus inicios impartindo clases de piano como filial do conservatorio de Vigo, ampliando posteriormente a súa oferta como centro propio e formando moitos músicos e músicas da comarca do Val Miñor e do sur de Pontevedra ao longo da súa historia.