O alcalde de Nigrán visita no Cemma ás dúas focas varadas nas últimas semanas en Galicia

O alcalde de Nigrán, Juan González, visitou hoxe aos dous cachorros de foca gris que vararon nas últimas tres semanas en Valdoviño e Malpica e que se atopan recuperándose na UCI do CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) en Nigrán. Os animais, de aproximadamente tres meses, evolucionan de xeito desigual tras realizar unha travesía de miles de quilómetros, así, un dos exemplares se atopa xa moi recuperado e o outro sufre aínda unha grave infección que o mantén moi decaído. Desde o CEMMA o obxectivo é recuperalas na UCI para en tres semanas trasladalas ao Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) da Illa de Arousa, onde teñen piscina, e devolvelas ao mar cando pesen preto dos 30 kg (actualmente roldan os 11 kg).

O rexedor aproveitou a ocasión para confirmarlle á entidade a súa petición de que no orzamento de 2021 o Concello lle consigne 4.000 € para un convenio de colaboración en materia de educación ambiental mariña, tal e como fixo neste ano 2020 con asociacións como Baisenpulgas, Menela ou Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. “Ás veces só somos conscientes do que significa o CEMMA cando ocorren fitos como este, pero se trata dunha entidade de referencia que traballa arreo todo o ano polos animais mariños; para Nigrán é un orgullo que teñan aquí a súa sede. Dende o Concello aproveitamos esta ocasión para recoñecer o seu labor e agradecer o seu traballo”, sinala o alcalde, Juan González.