Nace IN-RED, a primeira patronal galega da discapacidade intelectual

Constituíuse formalmente “IN-RED: Asociación Profesional e Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego e Entidades do Ámbito da Discapacidade Intelectual e afíns”. Trátase da primeira patronal do sector da discapacidade intelectual e ámbitos afíns en Galicia.

Os promotores da nova entidade son centros especiais de emprego e asociacións que prestan servizos educativos, asistenciais e ocupacionais para persoas con discapacidade intelectual. A Xunta Directiva está composta polos representantes de ASPABER de Carballo (A Coruña), EVD Galicia de Mos e Crecente (Pontevedra), ACEESCA de Porriño (Pontevedra), CENTRO JUAN MARÍA de Nigrán (Pontevedra) e SAN XEROME EMILIANI da Guarda (Pontevedra). Lola Fernández García, representante de ASPABER, é a presidenta electa da nova entidade.

IN-RED proponse dar voz aos intereses económicos e socio-laborais comúns das entidades que prestan servizos a persoas con discapacidade intelectual e afíns. Co crecemento dos últimos anos, a xestión destas entidades volveuse cada vez máis complexa. Por iso, aínda que teñan un carácter non lucrativo, é indispensable dar unha resposta ás súas novas necesidades desde a perspectiva da xestión empresarial e da profesionalización. IN-RED ten a ambición de facelo cunha mirada nova, en liña coa súa lema “mirar onde os outros non miran, para atopar o que os outros non atopan”.

A asociación avoga pola procura de solucións concretas e áxiles, pola aprendizaxe mutua e a cooperación continua entre os seus membros. Consciente de que a mellor solución atópase axuntando esforzos.

Na axenda de IN-RED están temáticas como a negociación do Convenio colectivo do sector; o impulso aos Programas de Formación Dual como instrumento para mellorar a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual; a futura evolución dos centros especiais de emprego. A entidade prestará tamén servizos de apoio para promover a profesionalización dos xestores das entidades socias.

Con este obxectivo, a Xunta Directiva xa mantivo reunións coa Consellería de Emprego e a de Política Social da Xunta de Galicia. E ha establecidos contactos con outras entidades da economía social, como FOROESGAL – Foro Pola Economía Social Galega.