A atleta baionesa Ainhoa Repáraz logra o Campionato de España por Autonomías

Semana moi frutífera para os atletas do Val Miñor. Por unha banda Ainhoa Repáraz volvía brillar e levábase o Campionato de España por Autonomías, disputado en Valladolid, ao vencer no 200 con 24,76, o que supón ademais un novo récord galego das categorías sub 18 e sub 20. Ainhoa tamén formou parte da selección galega que participou no 4×100 mixto. O récord no 200 súmase ao que conseguiu o mércores pasado nos 100 m cun rexistro de 11,89. Marca que é ademais mínima para o Campionato de Europa sub 18 que disputarase en Xerusalén (Israel).

Por outra banda, os máis cativos participaron no Campionato de Galicia de menores disputado en Lugo. O Campionato abrangueu as nenas e nenos das categorías sub 10, sub 12 e sub 14. Ademais das medallas acadadas por Gabriela Bouzada (ouro en lonxitude sub 12 cun salto de 3,99), Sergio Gil (bronce en altura sub 14 cun salto de 1,48), Eloy Martínez (ouro en 50 m sub 10 cun rexistro de 8,16) e Belén Silva (bronce en 1000 sub 12 con 3,37,69), quedou unha actuación extraordinaria de todos eles que fai que desde o club estean moi orgullosos tanto pola participación como o rendemento amosado por estes novos atletas. O seu desempeño ao longo de todo o ano está sendo moi destacado pero o máis importante é o desenvolvemento das súas capacidades físicas, emocionais e convivenciais co resto de compañeiros. Experiencias vitais que lles quedarán de por vida.