Concentración de condena en repulsa ao crime cometido en Gondomar, cun minuto de silencio, que tivo lugar en San Caetano, coa participación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e tamén nas delegacións territoriais.
A Xunta de Galicia expresa a súa máis enérxica condena pola morte de Soledad Rey, presuntamente asasinada pola súa parella. O Goberno galego manifesta a súa consternación ante este crime e amosa as súas condolencias á familia e, á espera, de que a investigación confirme se é un caso de violencia de xénero, fai un chamamento a toda a sociedade para que se rebele contra esta repudiable lacra.
Así mesmo, a Xunta fai un chamamento para que as persoas que están sendo vítimas de malos tratos denuncien para que así se lles poidan prestar a axuda necesaria para rachar coa situación de violencia na que están inmersas. Teñen á súa disposición un amplo abano de medidas: protección policial, axudas económicas, asesoramento e información, apoio psicolóxico ou a rede de casas de acollida.
Neste sentido, hai que lembrar que as vítimas de violencia de xénero tamén poden acudir ao teléfono da muller 900400273 ou o 016, un servizo gratuíto que garante a confidencialidade xa que non queda pegada na factura telefónica.


