O Salitre Fest destaca durante o fin de semana en Baiona

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // A media tarde a banda tudense "The Best Boy" comezou cos ensaios no escenario de paseo de Ribeira.

Baiona atópase metida de cheo nun fin de semana onde o pádel surf é o gran protagonista co campionato nacional da modalidade, que se está levando a cabo no areal de Ribeira, e que ademais contou cunha visita moi especial. O deportista e aventureiro Antonio de la Rosa, que hai poucos meses completou unha ruta circular con esquís de mil quilómetros en Laponia, achegouse ata a vila mariñeira para contemplar o transcurso da proba en primeira persoa.

Máis de 150 competidores chegados de todos os puntos da península entraron na auga nunha xornada caracterizada pola ausencia de vento, aínda que cun gran banco de néboa estancado no medio da ría e que colleu parte de Baiona, facendo máis complicada a orientación aos deportistas, aínda que xa cara a terra o sol e unha temperatura agradable marcaron o ritmo da xornada. Á primeira hora da mañá foi a quenda dos sprints, celebrados en conmemoración do 525 aniversario da Arribada da Carabela Pinta, e xa pola tarde deuse paso ás das de longa distancia pertencentes ao Campionato de España.

Multitude de curiosos e de seguidores da práctica achegáronse ao paseo situado á entrada da península de Monte Boi en goteo constante, ademais multitude de casetas de tendas locais e marcas de roupa e deportiva mostraron os seus deseños e lanzamentos para a próxima tempada, un aliciente sumado á terraza improvisada a pé de praia, os food trucks, a barra Mahou e o escenario, todo iso enmarcado dentro do Salitre Fest, e que desde o mediodía estivo ocupado por DJ Tom que ofreceu aos asistentes unha sesión vermouth. Tras finalizar as probas deportivas a banda tudense «The Best Boy», gañadora do premio Maquetón 2017, tinguiu de son a tarde noite de onte alongándose ata pasadas as 23:00 horas. Hoxe domingo, as probas deportivas comezaron ás 8:30 da mañá coas reunións previas á competición, que finalizará ás 17:00 horas coa entrega de premios. As iniciativas enmarcadas no festival abrirán as súas portas ás 11:00 horas coas casetas, restaurantes rodantes, terraza e a barra. Ás 12:30 Dj Fon Kid ambientará o mediodía cunha nova sesión vermouth.

Así pois o paseo de Ribeira converteuse nunha amálgama de xente, mesas e cadeiras, comidas como unha seda e un número considerable de postos que lle deron un aspecto que se escapa do habitual. Desta maneira a vila mariñeira pon punto e final ás actividades sociais e deportivas enmarcadas dentro do calendario do 525 aniversario da Arribada da Carabela Pinta.