Sin categoría

Jose e Isabel preparan a súa tradicional comida solidaria de Nadal

Un ano máis a Tapería Bar Jose traballa na súa comida solidaria de Nadal. A situación que estamos a vivir está a deixar moitas familias en risco de exclusión social e non poden deixar de facer a súa tradicional comida nestas datas, polo que máis que nunca piden colaboración. Aínda que os veciños con menos recursos de Nigrán non poderán gozar da agradable velada no local, poderán levar a comida ás súas casas, xunto con agasallos para os máis pequenos.

“Como habitualmente recollemos xoguetes para os máis pequenos e algún detalle para os adultos, calquera tipo de donativo é benvido, preferiblemente alimentación para poder entregala co menú, xa que nesta ocasión, faremos a comida para levar no canto de facela no noso local como en anteriores ocasións. De antemán agradecémosvos a colaboración, así como ao Concello de Nigrán que un ano máis colabora connosco. Hoxe máis que nunca vos necesitamos”, sinalan.

Persoas anónimas, empresas e colectivos poden apoiar a iniciativa doando comida ou xoguetes. Poden facelo ata o día 20 de decembro no local, Tapería Bar Jose en Prado, Priegue, na baixada á Praia de As Canas, desde as 12:00 do mediodía, ou contactando no teléfono 986 36 68 94. Por esta iniciativa, Jose e Isabel, os seus propietarios, recibiron o Premio Nigrán 2016 no ámbito social. O único afán deste matrimonio exemplar é servir o xantar a todos aqueles que, sexa cal sexa o motivo, non poidan festexar o día de Nadal como os demais veciños de Nigrán.

A Tapería Bar Jose de Priegue leva anos demostrando que o esforzo individual, neste caso dunha familia, pode cambiar o mundo, ou polo menos o mundo que nos rodea no día a día. No seu restaurante, a pé da praia de Prado, 60 persoas de Nigrán con dificultades veñen festexando cada ano o Nadal coa máxima dignidade e con total e absoluta discreción, xa que o seu propietario rexeita calquera publicidade ou mérito respecto diso.

Esa segue sendo unha das condicións para que neste día Jose e Isabel doen gratuitamente o seu traballo, a súa cociña e os seus alimentos ás persoas seleccionadas previamente polos Servizos Sociais do Concello.