O Conservatorio de Gondomar acolle o I Curso de Perfeccionamento Instrumental “Conchita Quintas”

Ao redor de 40 alumnas e alumnos da comarca do Val Miñor participarán durante unha semana no I Curso de Perfeccionamento Instrumental “Conchita Quintas”, organizado polo Conservatorio Municipal de Gondomar e bautizado con este nome en honra da muller que durante tres décadas estivo á fronte do centro desde a súa creación en 1983.

Os estudantes de cinco especialidades instrumentais -violín, guitarra, clarinete, saxofón e piano- recibirán masterclass de grandes músicos e mestres como son Eva González, coa que este luns arrancou o curso para os nenos/as que cursan violín. Ao longo da semana pasarán polo conservatorio de Gondomar, o guitarrista e docente no Conservatorio Profesional de Ourense, Agustín Lage; o músico Felipe Agell (saxofón e clarinete) e o pianista Maider Ordozgoiti, amos docentes no Conservatorio Profesional de Vigo.

O curso que se clausurará este mércores, está enmarcado dentro do programa Outono Musical, actividade organizada pola Concellería de Educación de Gondomar e financiada pola Deputación Provincial de Pontevedra.