Manuel Sampedro seguirá co Vigo-Rías Baixas en 2021

A próxima tempada será a segunda de Manuel Sampedro como sub23 e o ciclista de Ribeira repetirá nas filas do Vigo-Rías Baixas. A cuarta renovación do conxunto flúor de fronte ao 2021 supón para a estrutura presidida por José Luis Chamorro seguir contando cun dos corredores máis prometedores do pelotón galego.

Sexto clasificado o pasado mes de outubro no campionato autonómico de contrarreloxo individual, Sampedro apenas puido demostrar esta campaña o seu potencial debido á cancelación da maioría das probas previstas no calendario: “O meu primeiro ano no equipo foi un pouco raro deportivamente pola situación que provocou a pandemia. Corrín poucas carreiras, pero foron bastante útiles para ver como funciona o campo elite-sub23”.

A falta de competicións, o coruñés levou a cabo un traballo específico de adaptación á súa nova categoría deseñado por Marcos Serrano: “É un director que nos sabe levar a todos moi ben e consegue que traballemos como un equipo. Particularmente, os meus adestramentos foron bastante diferentes aos que fixera antes de incorporarme ao Vigo-Rías Baixas”.

Aos seus 19 anos, o ribeirense encara o 2021 coa ilusión de recoller os froitos da preparación realizada durante os últimos meses: “Espero estar nun mellor nivel porque acumulei un ano de traballo nas miñas pernas e agora xa se como se corre nesta categoría”. Unha das súas metas será facerse un oco nas aliñacións da Copa de España, certame que descubriu este outono participando na Clásica Cidade de Torredonjimeno.

As renovacións anteriormente anunciadas polo Vigo-Rías Baixas foron as de Guillermo Mallo, Jon Tena e Asier González. A directiva aínda non dá por pechado este capítulo á vez que traballa en incorporacións despois de selar a do ex profesional Miguel Ángel Fernández e promocionar desde o seu equipo júnior a Jorge Fernández e Andrés Taboada.