Gondomar abre o prazo para a inscrición das Escolas Deportivas 2020-2021

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Baloncesto.

As Escolas Deportivas de Gondomar arrancarán a súa actividade o próximo mes de xaneiro, se as condicións sanitarias permíteno. A partir deste martes 1 de decembro ábrese o prazo de inscrición que se poderá formalizar nas oficinas do pavillón Municipal Bernabé Costas entre as 10:00 e as 12:00 do mediodía, e as 17:00 e 19:00 horas. Os interesados poderán presentar a súa solicitude ata o día 23 de decembro, abríndose en xaneiro a inscrición das actividades dependentes da Deputación Provincial de Pontevedra.

Debido ás condicións sanitarias nas que nos atopamos este ano desenvolveranse as actividades con normas suxeitas ao protocolo Covid19, que establece o máximo de 25 alumnos, dependendo dos metros cadrados da instalación, así como a entrada exclusiva de alumnos e monitores a ela. As actividades realizaranse a porta pechada e os vestiarios non poderán empregarse. En todo momento haberá que manter a distancia de seguridade de 1,5 m e utilizar sempre a máscara.

As escolas desenvolveranse de luns a venres e rexeranse polo calendario escolar. Calquera das actividades programadas terá un prezo de 50,95 euros por curso de 5 meses, e de 59,17 euros no caso daquelas que duran seis meses – ximnasia de mantemento e GAP-, incluído en ambos os dous casos o seguro obrigatorio. Establecerase un desconto de 25% para o segundo membro da familia, e de 50% para terceiros ou seguintes.

Para solicitar máis información poden dirixirse aos teléfono 986 360305 ou 608 748 393 ou a través do correo deportes@concellodegondomar.com.