A Axencia Galega de Infraestruturas informa desfavorablemente o PXOM de Nigrán

Segundo a documentación á que tivo acceso Esquerda Unida, o pasado 14 de xullo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) informou desfavorablemente o PXOM de Nigrán, polo que deberá ser corrixido e sometido á AXI novamente.

Débense revisar no PXOM deficiencias que presenta a cartografía, a falta de sinalización de aliñacións de edificacións nos planos, e en relación aos novos viarios, o informe sinala que, tendo en conta o incremento dos ámbitos de uso residencial, deberase xustificar o feito de non prever novas infraestruturas viarias ou o reforzo e mellora das existentes. Tamén se sinala que no caso de non preverse ditas actuacións en materia de infraestruturas deberá reformularse a superficie dos ámbitos de uso residencial xerados.

“Resulta estraño que non se xustificara o feito de non prever novas infraestruturas viarias, xa que no cuarto trimestre do ano 2019 o Concello de Nigrán contratou adicionalmente á empresa redactora do PXOM a asistencia técnica para a análise das repercusións na mobilidade prevista no PXOM tras a eliminación do viario Xunqueira-Saiáns. Este expediente, fiel á falta de transparencia que caracteriza a este goberno, é ocultado polo goberno municipal, incumprindo as leis de transparencia”, lamenta José Cuevas.

Segundo o coordinador local de Esquerda Unida, neste punto constátase unha contradición na documentación do PXOM, xa que a execución do viario de conexión Balsa-Saiáns-Porto do Molle segue aparecendo no estudo económico.

Cuevas recorda que xa pasaron máis de dous anos dende que se realizara unha nova cesión do contrato á empresa redactora e se anunciara que practicamente estaba feito cando se enviou a Patrimonio. “Agora da a impresión que non se avanzou nada, pois a este informe desfavorable da AXI, únese o de Patrimonio, que debe ser remitido novamente para a súa avaliación, segundo o informe de decembro de 2019, do que se reportou previamente”.

Esquerda Unida lle lembra ao goberno de Nigrán que o PXOM é un tema demasiado serio para o futuro deste municipio, “polo que non basta con sacarse fotografías mirando planos, senón que cómpre convocar o Consello Sectorial do PXOM de Nigrán para informar a toda a veciñanza e clarificar o estado actual de tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal”.