A Xunta divulgará a cultura mariñeira na lonxa de Baiona

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e a Confraría de Pescadores La Anunciada de Baiona para a execución dunha acción piloto que busca mellorar a accesibilidade e a divulgación da cultura mariñeira na lonxa de Baiona co obxectivo de acondicionala para visitas e atraer o turismo. Esta actuación piloto enmárcase no proxecto Ecodestin_3IN e a ela a Consellería do Mar destinará un total de 20.585 euros para desenvolvela no período 2020-2023.

Con esta colaboración a lonxa de Baiona, da que é concesionaria a confraría, funcionará como un espazo para a divulgación, a adquisición de coñecementos e a posta en valor da cultura mariñeira da zona. Ao mesmo tempo, con ela contribúese á valorización do patrimonio cultural e natural, ao desenvolvemento do turismo costeiro e á promoción internacional de Galicia e da Eurorrexión como destino náutico e natural de costa.

A través do convenio, que establece as condicións de colaboración, a Consellería do Mar asume, por unha banda, a instalación na lonxa de Baiona dos elementos necesarios para a divulgación, adquisición de coñecementos e posta en valor da cultura marítima desta localidade e a implantación dun sistema de atención.

Entre os elementos que se instalarán están unha smart TV, un tótem, sete carteis informativos con iluminación axeitada, a sinalización dos espazos expositivos e unha placa informativa no exterior da lonxa. A colaboración tamén inclúe a montaxe do equipamento necesario para que o visitante que fai reserva poida activar a través dun código QR a conexión cos elementos interpretativos da lonxa (smart TV e tótem). Ademais, a Consellería do Mar encárgase da instalación dun sistema de videovixilancia para garantir a seguridade das persoas e dos bens da lonxa, financiará o mantemento deses sistemas e os custos e realizará apoio e asesoramento técnico en relación coas actuacións do convenio.

Por outra banda, a Confraría de Pescadores de Baiona encargarase do mantemento e xestión do sistema de atención da lonxa, dos elementos de mellora da accesibilidade e interpretación e do sistema de seguridade. Tamén se ocupará dos correspondentes seguros de responsabilidade civil e de danos que cubran as persoas que entren na lonxa e os elementos instalados, respectivamente.

A vixencia da colaboración é desde a data da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2023, coa posibilidade de prórroga se o así o deciden ambas as partes. Da contía total destinada a esta colaboración, 1.085 euros serán para a anualidade 2020 e 6.500 euros ao ano para as anualidades 2021, 2022 e 2023.

Para a supervisión deste convenio a Confraría de Baiona deberá informar a Consellería do Mar das actividades mediante un informe anual, e crearase unha comisión de seguimento que estará constituída pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e un membro do Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro e pola patroa maior e outro membro da Confraría de Pescadores de Baiona.