Os alumnos do programa de emprego do Juan María inauguran a árbore de Nadal da Praza Elíptica

As alumnas e alumnos do programa de formación dual de emprego dirixido a persoas con discapacidade que está a desenvolver o Centro Especial de Emprego Juan María de Nigrán co apoio da Xunta inauguraron este xoves a árbore de Nadal do centro comercial Praza Elíptica. Este ano, toda a montaxe e decoración da árbore realizárona os alumnos/traballadores deste proxecto, colocando case 1.000 lazos.

En concreto, un total de 10 persoas con discapacidade intelectual estanse a preparar desde hai un ano no centro de formación da asociación La Esperanza del Valle Miñor en actividades auxiliares de comercio, ao tempo que contan cun contrato de traballo na tenda de roupa Juan María by Lolola, a división laboral do centro especial de emprego que está centrado na industria da moda inclusiva.

Con este proxecto obterán unha certificación profesional de Nivel 1 como auxiliar de comercio ademais de varias formacións complementarias ata un total de 2.634 horas nos tres anos. O aspecto máis relevante desta formación é que está baseada na metodoloxía “aprender-facendo”, especialmente efectiva nas persoas con discapacidade intelectual para afianzar os coñecementos e adquirir as destrezas necesarias.

Esta iniciativa lévase a cabo co financiamento da Xunta a través do programa que se está a desenvolver en toda Galicia para un total de 60 destinatarios, todas elas persoas con discapacidade intelectual. O proxecto de Vigo conta cun apoio da Consellería de Emprego e Igualdade de preto de 350.000 euros. Trátase de realizar proxectos baseados nun réxime de alternancia entre o emprego e a cualificación recibida no marco do sistema de formación profesional para o emprego. Ao seu remate os destinatarios saen capacitados para mellorar a súa inserción profesional e obteñen certificados de profesionalidade. Ata 2022 está previsto en toda Galicia un investimento neste programa piloto de máis de 2 millóns de euros.

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, que participou hoxe no acto, xunto co alcalde de Nigrán, Juan González, lembrou que a Administración autonómica vén traballando intensamente nos últimos anos para garantir unha verdadeira integración das persoas con discapacidade. Nesta tarefa considerou fundamental o traballo despregado polos centros especiais de emprego, ao tempo que avogou pola consolidación destes centros como mecanismos que incrementan as posibilidades laborais do colectivo, en especial de quen se atopa na busca de traballo. “É un paso máis para a eliminación de barreiras”, apuntou a directora xeral, quen subliñou, para rematar, que a Xunta actualizou a súa planificación en materia de formación e procura laboral da man dos axentes sociais e económicos e de entidades como os centros especiais de emprego para que os apoios da Xunta achéguense ás persoas que máis o necesitan.

Juan María Empleo SL é un centro especial de emprego creado en 2014, vinculado á Asociación La Esperanza del Valle Miñor, que ten como finalidade alcanzar a integración plena na sociedade e no ámbito laboral, das persoas con discapacidade.