Anuncios
Ticker de novas

Dúas persoas cumpriron as súas penas realizando traballos en beneficio da comunidade en Chandebrito

FOTO: CHANDEBRITO 1807 // Limpeza de cunetas e superficie do camiño da Lapela.

A Asociación Chandebrito 1807 concluíu o pasado día 30 de decembro de 2017 a campaña de 2017 de traballos en beneficio da comunidade (con orixe nun convenio asinado co Goberno Central o 30 de outubro de 2012), e que contou co apoio de dúas persoas que realizaron diversas labores de mantemento e adecuación de bens de uso común na parroquia de Chandebrito no segundo semestre do ano pasado.

Membros desta agrupación mantiveron hai poucos meses unha xuntanza con responsables do Centro de Inserción Social de Vigo, dependente do Centro Penitenciario de A Lama, encontro no que, ademais de reorganizar o correcto cumprimento das penas, incidiuse sobre a necesidade de proporcionar medios para desenvolver dun xeito máis eficiente os citados traballos.

Deste xeito, a parroquia e a súa veciñanza favorecéronse de xeito gratuíto das melloras realizadas, e as persoas prestadoras do servizo cumpriron a súa pena preto dos seus domicilios sen ter que pagar multas. Os traballos realizados durante un total de 164 horas, dende o 18 de agosto ata o 30 de decembro de 2017 foron os seguintes:

– Roza e limpeza de monte veciñal en man común.
– Roza, limpeza acceso e contorna de bens culturais (petróglifos, castro).
– Roza, limpeza e adecuación de camiños veciñais.
– Limpeza da superficie de viarios públicos e das súas cunetas.
– Mantemento e sinalización horizontal dunha ruta de sendeirismo (7 Km)
– Gravado de dúas pedras con varios topónimos para sinalizar lugares.
– Roza e limpeza exterior dos muíños dos Matos e das Chans.
– Recollida e reciclaxe de lixo en camiños, viarios e equipamentos públicos.
– Reparación de fonte e lavadoiro de Rapadouro e conservación de outras
– Limpeza e arranxo de piso de corcho da antiga escola – local social.
– Roza e limpeza manuais do antigo camiño de uso común denominado “Campos do Paso”, en Pracíns.
– Recollida e reciclaxe de lixo nos camiños da mesma zona.

Ao mesmo tempo, esta Agrupación sen ánimo de lucro seguirá recollendo as propostas que realice a veciñanza neste sentido, coa intención de realizar as actuacións de interese público que propoña a mesma na próxima campaña.

Anuncios