Ferreira afirma que as acusacións de Espazo Lectura son “incertas e totalmente infundadas”

FOTO: BIBLIOTECA DE GONDOMAR

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, afirma que as acusacións de Espazo Lectura son “incertas e totalmente infundadas”. Así mesmo, convida a todos os socios da asociación, pais e nais, a quedar persoalmente con el para demostralo.

“Nunca se fixo tanto na biblioteca municipal en tan pouco tempo, os feitos aí están e son demostrables”, sinala o rexedor, que convida esta tarde ás 17:00 horas a todos os interesados a acudir á biblioteca, onde “dará a cara” xunto coa concelleira responsable e mostrará “a verdade e as melloras realizadas, non só na biblioteca, senón en todo o edificio”.

Ferreira lembra que se mellorou o wi-fi, a iluminación, o mobiliario, o sistema de seguridade e pintáronse as paredes. Ademais, haberá unha oferta de emprego público para novo persoal, incorporarase á rede de bibliotecas de Galicia, farase inventario bibliográfico e a catalogación de libros e adquiriranse novos exemplares. A biblioteca tamén conta con puntos de acceso informático, sala conxunta de estudo…

Finalmente, o alcalde insiste en que Espazo Lectura dispón do mesmo sitio e máis renovado, cun colexio desafectado e con todo pagado en Donas, “só para eles”, ademais de 5.000€ ao ano de subvención.