Clausurado o obradoiro “Crea e Coida Miñor” cun 50% dos seus participantes con contrato laboral

Esta mañá clausurouse oficialmente o Obradoiro de Emprego “Crea e Coida Miñor” que se vén desenvolvendo en Gondomar dende novembro de 2019, e cuxo remate retrasouse como consecuencia da alerta sanitaria decretada no país en marzo. Esta mañá os 20 alumnos recollían os seus diplomas e poñían punto e final a un curso cuxo director, José Abraira Arias, cualificou “como exemplar tanto pola entrega como polo interese demostrado en aprender”.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado pola secretaria territorial da Xunta en Pontevedra, Marta Iglesias, o alcalde de Nigrán, Juan González, e os concelleiros de formación de Baiona e Gondomar, Óscar Carreño e Rocío Goberna, respectivamente, entregraron os diplomas acreditivativos aos participantes felicitándolles polo resultado obtido.

Pola súa banda Paco Ferreira subliñou a importancia da colaboración entre concellos e administracións á hora de desenvolver políticas de emprego activas, poñendo como exemplo o obradoiro que “clausuramos hoxe sabendo que a metade dos seus integrantes fano xa traballando ou ben a piques de asinar un contrato laboral”.

Animou á Xunta de Galicia a seguir apostando por este tipo de iniciativas e dotar de orzamentos as partidas que fagan posible o seu desenvolvemento. De feito, no acto o alcalde anunciou que Gondomar acollerá un novo obradoiro de emprego de similares características que contará cunha subvención de 346.946 euros dirixido tamén a persoas desempladas da comarca do Val Miñor.

“Crea e Coida Miñor” desenvolveuse en convenio cos concellos de Baiona e Nigrán, e contou cun orzamento de 336.446 euros, que permitiron o desenvolvemento de dous obradoiros, cun máximo de 10 alumnos/as en cada un, cunha formación eminentemente práctica e cun contrato de traballo co concello polo salario mínimo interprofesional.

Ademais da materia específica relacionada coa atención sociosanitaria e o deseño de produtos gráficos, os alumnos-traballadores recibiron tamén formación complementaria en cuestións clave para a procura de emprego, igualdade ou sobre prevención de riscos laborais.