Os 44 balóns do CB Nigrán para as 44 vítimas da violencia machista

O CB Nigrán quixo render un ano máis unha emotiva homenaxe ás vítimas de malos tratos con motivo do Día contra a Violencia de Xénero cun vídeo no que colaboraron de novo personalidades destacadas de diferentes ámbitos como o dúo musical Cómplices, o actor Pepo Suevos, a ex xogadora profesional de baloncesto Marta Fernández (irmá de Rudy), a escritora Isabel Blanco, o Club Ourense Baloncesto, Club Baloncesto Breogán e Porta XI Ensino de Lugo, ou a presentadora Sara Rodríguez, entre outros, ademais dos propios xogadores e xogadoras e adestradores do club. Todos eles portando un balón de baloncesto, un por cada muller así como por cada un dos nenos e nenas asasinados neste 2020.

Todos eles quixeron colaborar nesta homenaxe do Club de Baloncesto Nigrán, unha iniciativa que forma parte do traballo social que realizan desde o club, onde consideran un aspecto fundamental traballar valores a través do deporte. Debido a que as circunstancias que estamos a vivir pola COVID 19 condicionan o desenvolvemento de toda actividade, desde o club tiveron tamén que adaptarse e modificar a foto final na que, a diferenza de anos anteriores, non puideron participar os xogadores e xogadoras nin as súas familias.

Un total de 44 balóns que simbolizan ás vítimas e cos que o Club Baloncesto Nigrán debuxou, un ano máis, un gran lazo na pista de xogo do Pavillón Municipal de Panxón, constituíndo a imaxe final do vídeo a través do cal o CB Nigrán busca concienciar e sensibilizar sobre “esta secuela social que non cesa no seu goteo de vítimas e que sirva como un pequeno granito de area na loita contra a violencia machista”.