Rouban as cordas empregadas para o novo peche perimetral das dunas de Praia América-Panxón

O Concello de Nigrán investiga a través da Policía Local o roubo das cordas mariñeiras que se estaban a poñer actualmente no peche perimetral das dunas de Praia América-Panxón en substitución dos vellos arames galvanizados. Este traballo forma parte do proxecto “Recuperando o litoral. Accións de mellora patrimonial e ambiental de Praia América e Panxón” subvencionado polo GALP con 45.000 € e incluíu tamén a instalación dun observatorio de aves, varandas, ramplas accesibles cara a praia ou roteiros de sensibilización e traballos de voluntariado.

Precisamente, a empresa contratada ía rematar na mañá deste xoves a colocación de todas as cordas que, en conxunto, sumaban 100 metros lineais. O roubo, que se pode apreciar nos cortes nas ataduras dos postes, aconteceu menos dunha semana despois de que se instalase o primeiro tramo.

Precisamente, como elemento salientable e innovador deste proxecto figuraba o emprego no cercado de sogas mariñeiras grosas para vincular a contorna coa actividade produtiva de Panxón e, ao mesmo tempo, facer fincapé no principio de sostibilidade ambiental.

“É lamentable que acontezan este tipo de situacións incívicas que, ao final, o que fan é prexudicar a toda a veciñanza ao denigrar o noso propio territorio, que é o que queremos por en valor. Non toleramos este tipo de agresións e por descontado que traballamos para dar coa autoría”, subliña o alcalde, Juan González.