O alcalde de Nigrán celebra o Día da Infancia participando na radio do CEIP Humberto Juanes

O alcalde de Nigrán, Juan González, participou esta mañá como invitado na emisora escolar “Radio Vilameán” con motivo da conmemoración do Día Mundial da Infancia. O rexedor foi entrevistado por catro alumnos de 6º de Primaria do CEIP Humberto Juanes, quen lle interpelaron por aspectos xerais vinculados aos dereitos do neno e por cuestións máis concretas como o proxecto do Concello de Nigrán para dotar de cociña propia ao seu centro educativo.

“Podedes ter a seguridade de que imos polo camiño correcto, temos xa o proxecto realizado para facer a cociña e os cartos para elo, así que será unha realidade e repercutirá no que máis vos preocupa: será unha comida máis saborosa e saudable para todos os nenos de Nigrán”, incidiu González ante as preguntas dos rapaces.

Esta é a segunda vez que o rexedor acude a este programa realizado polo alumnado do Humberto Juanes e emitido en directo durante o recreo. A actividade estrea novas instalacións este curso grazas, en boa medida, á axuda da ANPA do colexio. Desde hai anos é unha parte máis da escola, un elemento de diversión e de aprendizaxe integral, xa que a elaboración de programas radiofónicos abrangue distintas áreas do currículo como as Linguas, a Educación Artística, o Coñecemento do Medio, etc. Ademais, desenvolve moitos aspectos básicos da personalidade do alumnado, como o incremento da autoestima e a seguridade, mellorando a lectura e a pronunciación, e o desenvolvemento da expresión oral e escrita.