Baiona presenta o seu novo vídeo promocional

O Concello de Baiona presentou esta tarde o seu novo vídeo promocional. De 4:25 minutos de duración, une o pasado e presente da vila mariñeira baixo o slogan “Baiona, o futuro escríbelo ti”. Conta a historia de Mario, un neno que non quere mudarse da súa actual vivenda, ata que o seu avó cóntalle que de pequeno tamén tivo que irse de Baiona, un lugar “feito de granito, salitre e lendas, e unha fortaleza que protexe un gran tesouro”. O vídeo mestura ademais imaxes terrestres con espectaculares imaxes aéreas do Faro de Cabo Silleiro, a Fortaleza de Monte Real, a Virxe da Rocha, a Baía de Baiona, A Ladeira, o Casco Vello, Chan da Lagoa ou a Serra da Groba.

No acto de presentación, que tivo lugar na Praza do Concello, participaron a concelleira de Cultura, Miriam Mar Costas, encargada de dar paso ao vídeo. Tras o visionado do mesmo interveu o Alcalde, Carlos Gómez Prado, quen quedou encantado co resultado, no que se mostra a vila como un lugar único, cunhas paisaxes incribles, e unha gran variedade de experiencias que fan de Baiona un lugar obrigado de visitar.

O rexedor resaltou o vídeo de Baiona como “evocación magnífica a esa fábrica de emocións que é a nosa localidade: a nosa historia, o noso patrimonio, o noso relato, a nosa cultura, a nosa gastronomía… Unha interpretación do que é a nosa vila, o noso pasado, o noso presente frenético de procura, de vontade, de compromiso cun futuro de esperanza”.

Para Gómez, “vaguear por calquera rúa do centro de Baiona ou polas nosas parroquias é esa aventura que toca tantas teclas da alma humana que fai que, ao regresar a casa, sexa como máis forte, máis convencido da beleza de vivir”. “O turismo é a arte da beleza de vivir e de compartir. Viaxar vacínanos contra a intolerancia e a cobiza daqueles que pensan que o seu non pode ser compartido con ninguén. Baiona é todo o contrario: a súa historia, o seu presente e sobre todo o seu futuro é unha exaltación da vida”.

Con este vídeo tamén se pretende chegar ás emocións dos veciños e veciñas, para que a través do relato do avó poidan sentirse especiais por poder gozar de todo o que ofrece a vila no seu día a día. “Os baioneses e baionesas deleitámonos con experiencias e praceres que para nós son cotiáns pero para os non afortunados de vivir en Baiona están fóra do seu alcance diario. Un vídeo a través do que enorgullecerse das nosas raíces, das nosas tradicións, do noso patrimonio, da liberdade que ofrece o contacto directo coa natureza… un lugar ao que sempre volver sentirse vivo nun espazo único”.

“A importancia de recordar o pasado, vivir o presente e mirar a un futuro que permite enxalzar de maneira colectiva o orgullo que sentimos polas nosas raíces, polos nosos costumes… Este vídeo contribúe a estreitar os lazos que nos unen a todas e todos os baioneses. É en definitiva un vídeo para enorgullecernos da nosa identidade, que perdurou ao longo do paso do tempo grazas ao amor e ao coidado que as familias do noso pobo puxeron no seu mantemento”.

O traballo realizado, hai que aplicalo, dixo, aos retos actuais e futuros. Gómez Prado tamén animou a afrontar o tempo que nos queda na esperanza afirmando que “desta sairemos máis fortes, sairemos mellores, porque seremos capaces de entender a lección máis importante deste tempo e é que o egoísmo debe ceder o paso á solidariedade, a xuntarnos para chegar da man máis lonxe”.

Tamén resaltou que estas imaxes “poñen en valor aqueles elementos patrimoniais tan interesantes que hai no Concello de Baiona, en todas e cada unha das nosas parroquias, e que sempre serviron como principal reclamo para xerar aqueles produtos turísticos que tanta ilusión dannos na nosa vida”.

Finalmente, o Alcalde insistiu en que este proxecto “baséase tamén en animar a que a xente veña a Baiona, propoñendo a Baiona como destino. Trátase de convidar a vivir a experiencia de percorrer as súas rúas e contemplar os seus monumentos. De gozar amodo da súa gastronomía, do seu comercio… De descansar nos seus hoteis ou cegarse da súa frondosa natureza. De gozar con tranquilidade da seguridade dun destino único e das súas xentes acolledoras. En definitiva de presentar a Baiona, como o destino por excelencia”.

Entre os obxectivos deste vídeo tamén está o de desestacionalizar o turismo, e lograr que os visitantes acudan todo o ano a Baiona. Por iso, se levará a cabo unha estratexia de comunicación intensa para promocionalo en diversos medios. O vídeo comezará a difundirse hoxe a través de Youtube, Facebook, Instagram, Twitter e a páxina municipal do Concello de Baiona e de Turismo de Baiona, formando parte dunha serie de iniciativas para seguir potenciando os recursos da vila. Xa se está traballando nas próximas accións de promoción.

O vídeo comeza e termina no Faro de Cabo Silleiro. “Aquí xúntanse pasado e presente, o futuro escríbelo ti”, sentencia o avó ao neto. “Supera, con fartura, as expectativas que tiñamos no proxecto”, destacou o rexedor, Carlos Gómez, destacando “a gran altura profesional do vídeo que recolle dunha maneira tan suxestiva e tan atractiva o que esta terra ten”.

O Alcalde quixo finalizar o acto agradecendo á concelleira de Cultura, Miriam Costas, polo traballo e implicación neste proxecto. Tamén ao director Roi Grandío, da produtora UFO Espazo Creativo, e a todo o elenco actoral entre os que hai veciños de Baiona.

Ao acto de presentación foron convidados unha representación do tecido asociativo do municipio, aos que o rexedor dedicou o final do seu discurso. “Para finalizar agradecer como non podía ser doutra maneira a todas e todos os que estades aquí hoxe. Como Alcalde de Baiona sei da vosa implicación e do voso traballo para facer da nosa vila un lugar mellor no que vivir. Entre todas e todos facemos máis grande Baiona e na miña humilde opinión este vídeo tamén é unha reivindicación do que supón vivir na nosa apreciada localidade”.