Povisa alcanza o milleiro de probas de COVID privadas

Máis de 1.000 persoas asintomáticas solicitaron e fixéronse probas de detección de COVID en Povisa de forma privada durante esta segunda onda da pandemia.

Povisa puxo en marcha un servizo específico para este tipo de usuarios que, por múltiples razóns, a maior parte delas relacionadas con viaxes, oposicións, incorporacións a postos de traballo ou para garantir a seguridade no ámbito familiar, prefire facerse unha proba privada de detección de COVID. O servizo inclúe consulta médica, axuda a resolver dúbidas e recomenda o mellor tipo de proba para cada persoa —test de antíxenos, PCR ou test serológicos—. Tamén ofrece a posibilidade, se é necesario, de realizala no domicilio do paciente (só en Vigo), e aconséllalle sobre os pasos necesarios que debe seguir no caso de que dea positivo.

Outro dos factores que está a ser moi ben valorado polos usuarios deste servizo é a rapidez diagnóstica, o cal contribúe a que o paciente que dá positivo tome medidas preventivas de maneira precoz e evite contribuír así á expansión da enfermidade.

Habilitouse un teléfono só para a cita previa destas probas (691521258), dispoñible as 24 h.