Baiona, Gondomar e Nigrán solicitan axudas para rehabilitar e sinalizar patrimonio histórico cultural

As axudas da Deputación para rehabilitar e sinalizar patrimonio histórico cultural na provincia veñen de ser solicitadas por 54 concellos da provincia, quedando unicamente á marxe A Estrada, Illa de Arousa, Meaño, Pazos de Borbén e Pontecesures, que non presentaron proxecto para subvencionar. Nestes momentos as solicitudes están a ser fiscalizadas polo departamento de Intervención, que emitirá ditame para indicar se se axustan ás bases da convocatoria.

O departamento dirixido por María Ortega repartirá 400.000 euros nestas axudas, que se rexen polos principios de solidariedade e equilibrio territorial para permitir levar adiante investimentos e actuacións que non resultarían asumibles para os concellos sen a cooperación económica da Deputación. “Entendemos que a promoción, a información e a accesibilidade aos bens culturais das localidades son básicas en calquera política cultural e turística, e tan fundamental é dar a coñecer a nosa provincia como que as persoas que a visiten poidan acceder facilmente aos bens patrimoniais”, subliña a nacionalista.

Na comarca de Vigo, o concello de Redondela solicitou subvención para a rehabilitación da fonte de Santiago Apóstolo; en Soutomaior pediuse axuda para a reparación de solos e paramentos no centro multiusos de Arcade; Salceda de Caselas priorizou a posta en valor da contorna da igrexa de Santos Xusto e Pastor na parroquia de Entenza; no Porriño pediuse axuda para a rehabilitación da fonte da María Rosa en Pontellas; Mos pediu subvención para mellorar a cuberta da Casa Consistorial. No Val Miñor, Nigrán pediu financiamento para a restauración da muralla do Castro de Chandebrito; Baiona para a recuperación do lavadoiro do río da Maré, na Baíña; e Gondomar para o acondicionamento das instalacións do antigo matadoiro.

Segundo establecen as bases da convocatoria repartirase un importe fixo de douscentos mil euros de forma lineal entre os concellos da provincia que se acolleron a estas axudas. A cantidade restante, outros douscentos mil, repartirase entre os concellos de forma proporcional segundo poboación (75%) e superficie (25%). Aos concellos de ata 10.000 habitantes destinaranse 40.000 euros; aos concellos de 10.001 a 20.000 habitantes corresponderanlle 80.000 e aos concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes corresponderanlles os 80.000 euros restantes.