Falece Antonio Goce “Cabecitas”, destacado xogador do Erizana nos anos 40

Este domingo faleceu aos 88 anos de idade Antonio Goce Refojos “Cabecitas”. Dedicou a súa vida ao mar e ao seu equipo de fútbol, o Erizana, no que asinou a súa primeira fichaxe no ano 1947, cando tiña 16 anos. No club baionés desenvolveu a súa actividade futbolística, alcanzando unha gran popularidade pola súa destreza á hora de rematar calquera balón coa cabeza, o que fixo que se lle coñecese desde ese momento co apelativo cariñoso de “Cabecitas”. No ano 2013, o Concello de Baiona recoñeceu a súa traxectoria e a súa contribución na vida deportiva da vila, entregándolle unha Distinción Especial na II Gala do Deporte. Os funerais celebraranse este martes, 17 de novembro, ás 17:30 horas na Ex Colexiata de Santa María de Baiona. A continuación terá lugar o enterro no cemiterio municipal.