Sin categoría

O Pleno de Gondomar aproba unha moción do PP con motivo do 25 de novembro

O Pleno do Concello de Gondomar aprobou por unanimidade unha moción presentada polo Partido Popular con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A violencia de xénero supón a representación máis extrema da desigualdade entre mulleres e homes existente na nosa sociedade e un grave atentado contra os dereitos humanos. Trátase dunha violencia que se dirixe ás mulleres polo mero feito de selo e por ser consideradas polos agresores como carentes dos dereitos mínimos de liberdade, respecto e capacidade de decisión. Os poderes públicos nin deben nin poden ser alleos a este problema.

Entre os ámbitos sobre os que se proxecta a transversalidade da igualdade e da prevención e loita contra a violencia de xénero atópase o relativo á formación do persoal empregado público. A integración da igualdade de oportunidades na totalidade de actuacións das administracións públicas depende, en gran medida, da formación das persoas que traballan nelas. Considérase necesario e imprescindible promover que todo o persoal posúa formación no ámbito da prevención e a loita contra a violencia de xénero.

Esta formación debe abranguer a todos os axentes dos diferentes ámbitos: persoal das administracións públicas, forzas e corpos de seguridade, persoal educativo, sanitario, do terceiro sector ou profesionais do ámbito xurídico.

O deseño de accións formativas pasa de xeito imprescindible por coñecer polo miúdo a lexislación específica en materia de violencia de xénero, pero non pode limitarse a iso. A formación debe orientarse tamén a ofrecer unha atención axeitada, a recoñecer sinais para a detección de casos, a informar sobre os recursos existentes ou a coñecer e aplicar axeitadamente as pautas e protocolos de derivación e/ou intervención.

Así, as entidades locais son para moitas mulleres o primeiro paso para saír do espazo da violencia e de aí a importancia de que o persoal da administración local adquira unha formación continua (non só dirixida ao persoal dos Centros de Información a Muller e dos servizos sociais).

As medidas que se aprobaron foron:

Instar ao Goberno do Estado a desenvolver as medidas da actuación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, concretamente as que se recollen no seu Eixo 5 que fai referencia ao impulso da formación dos distintos axentes para garantir a mellor resposta asistencial, xa que para ofrecer ás vítimas de violencia de xénero a mellor asistencia posible é necesario que se amplíe a formación especializada de todos os/as profesionais que interveñen na prevención, protección e axuda psicosocial ás vítimas.

Instar ao Goberno Galego a reforzar o apoio, colaboración e coordinación coas entidades locais en materia de formación do persoal da administración local, concretamente, na sensibilización, prevención e atención integral en materia de violencia de xénero.

Instar ao goberno municipal do Concello de Gondomar a desenvolver programas e accións formativas específicas en materia de igualdade de oportunidades e violencia de xénero, dirixidas a todo o persoal da administración local (non só dirixida ao persoal dos Centros de Información a Muller e dos servizos sociais) así como a todas as persoas integrantes da corporación municipal.