Gondomar aposta polos máis novos e a educación na loita contra a violencia de xénero

O Concello de Gondomar, a través da súa Concellería de Igualdade dirixida por Nuria Lameiro, puxo en marcha hoxe as actividades programadas con motivo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o próximo 25 de novembro, con “Contos e Monicreques”, proxecto dirixido ao alumnado de 1º de Primaria dos catro CEIP de Gondomar.

Subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra as pequenas e pequenos participarán en obradoiros nos que deberán crear unha historia partindo dunha trama inicial e personaxes que eles mesmos deberán achegar á súa contorna, ao seu día a día. Deseñarán os monicreques, construiranos e finalmente desenvolverán un conto que se gravará para facelo chegar aos seus pais e nais.

Con esta actividade búscase sensibilizar, previr e identificar a violencia de xénero mediante un proceso lúdico e didáctico, ao mesmo tempo que se fomentan técnicas de resolución pacífica de conflitos, fortalecese a autoestima, a tolerancia e o fomento das novas formas de participación social e comunitaria, á vez que interactúan con modelos libres de estereotipos sexistas.

“Contos e Monicreques” é un proxecto instaurado na área da promoción da igualdade entre homes e mulleres e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, que utiliza a maxia dos contos para introducir ás novas xeracións na igualdade de oportunidades.