Anuncios
Ticker de novas

O presidente da Xunta iza a bandeira azul do Monte Real Club de Yates

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, izou esta mañá no Monte Real Club de Yates a bandeira azul que ondeará no club náutico baionés ao longo deste ano.

Fíxoo tras clausurar o acto de entrega de bandeiras azuis ás praias e portos deportivos galegos, un evento que a vila de Baiona acolleu por primeira vez na súa historia, e para cuxa celebración a Xunta elixiu as instalacións do Monte Real.

No transcurso do mesmo, Núñez Feijóo foi o encargado de entregarlle ao presidente do club de iates o distintivo que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) concedeulle, un ano máis, ao Monte Real, polo coidado ambiental das súas infraestruturas, a calidade das súas augas e a excelencia dos seus servizos náuticos.

O club baionés é un dos 18 portos deportivos de Galicia, 8 deles da provincia de Pontevedra, distinguidos neste 2017 con este prestixioso galardón, que conta co respaldo da Unesco e a Organización Mundial do Turismo, e que recoñece a boa xestión que o Monte Real realiza nas súas instalacións. O club consolida así unha distinción que mantén, de forma ininterrompida fóra dun ano, desde 1988.

Ao acto de entrega de bandeiras azuis celebrado en Baiona asistiron, ademais do presidente da Xunta, o Delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; a Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato; o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal; e o Presidente da ADEAC, José Ramón Sánchez, entre outras autoridades.

Estiveron presentes tamén representantes dos 38 concellos galegos galardoados coas 113 bandeiras azuis que a ADEAC outorgoulle ás praias galegas neste 2017.

Anuncios