Podemos e Esquerda Unida piden medidas fiscais urxentes para a hostalería e o pequeno comercio de Nigrán

Podemos Nigrán e Esquerda Unida veñen de presentar unha moción na que instan o Goberno Local a tomar diferentes medidas fiscais co fin de paliar o impacto económico a causa da pandemia na hostalaría e no pequeno comercio local. Se ben son moitos os sectores afectados pola situación económica derivada da actual pandemia, os dos antes nomeados son os máis prexudicados polos peches e as restrición de aforos.

“Co último peche decretado para a hostalaría que comeza o 7 de novembro, quedan desamparadas moitas familias que traballan e viven deste sector. Esta colectividade laboral, xunto co pequeno comercio local son parte esencial no tecido produtivo e económico de Nigrán, o que obriga a súa salvagarda. O Concello, como administración máis próxima á veciñanza, non pode poñerse de perfil ante situacións tan alarmantes coma esta”, sinalan.

Recordan ademais que en maio de 2020 o Alcalde de Nigrán anunciou que “O Concello de Nigrán bonificará o 75% do imposto de terrazas e flexibilizará a súa ampliación”, sen embargo nin o goberno nin a oposición presentaron ningunha proposta de modificación da ordenanza fiscal que regula as taxas das terrazas, polo que Esquerda Unida e Podemos Nigrán vénse na obriga de presentar esta moción.

“Á exoneración da taxa das terrazas, se lle une a da taxa do lixo, así como a bonificación con carácter retroactivo de ditas taxas para aqueles establecementos que se visen afectados polo peche ou mingua da súa produtividade durante o espazo temporal marcado polo decreto do estado de alarma do pasado 14 de marzo, xa que o deixamento dos membros da corporación, impide, na práctica, que estas modificacións fiscais podan entrar en vigor o ano 2021”, lamentan.

Como estas dúas forzas políticas non teñen representación na Corporación Municipal, facilitarán unha copia da moción aos concelleiros da mesma, para que se o consideran, poidan asumila e presentala na próxima sesión plenaria.