Baiona pecha este sábado a programación do Outubro Diverso

O Concello de Baiona pecha este sábado, día 31 de outubro, a programación do Outubro Diverso. Ás 12:00 horas, o Hall da Casa do Concello acollerá unha conversa con Petra Porter e Comité Marikas x la fiesta sobre “Orgullo, non solo hai un”, abrindo o imaxinario ás formas de facer o Orgullo LGBTIQA+. A actividade desenvolverase cun aforo limitado de 20 persoas, mantendo as distancias e tomando todas as medidas de seguridade pertinentes. Tamén poderase ver en streaming a través dun directo do Instagram da Casa Colorida e da canle de YouTube do Concello de Baiona.

O Outubro Diverso culminará ás 22:00 horas co espectáculo “Las VARIETÉS de Petra Porter”, de Combinación Imperfecta, na carpa instalada na Praza do Concello. Un espectáculo que transformará ao público en protagonistas. Todas e todos serán actrices e actores do show, e para isto recompiláronse diferentes xogos, probas, enigmas e puzzles de diversa índole para converter a Praza do Concello de Baiona nun concurso cheo de música, teatro e moita diversión. Como é habitual poñeranse todas as medidas de seguridade e preventivas necesarias, cumprindo a normativa marcada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Desde a Concellería de Igualdade mándase unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía xa que se van a poñer as medidas de seguridade e preventivas necesarias. O obxectivo xeral é reducir ao máximo o risco de contaxio e transmisión da pandemia á vez que se goza da programación.

O programa Outubro Diverso é o froito do traballo conxunto da Concellería de Igualdade de Baiona, de activistas da Marcha Mundial das Mulleres e da Casa Colorida.