Gondomar volve cambiar os fogos e as bombas por unha festa infantil

Inchables, animación e unha festa da escuma poñerán o broche final ás festas patronais deste ano en Gondomar, que finalizan este domingo, día 14, coas actividades dirixidas especialmente ao público infantil e unha verbena amenizada polo Trío Azar.

O Parque da Coelleira poñerá ao dispor dos asistentes un total de seis inchables que se completarán coa celebración dunha festa da escuma onde os pequenos e pequenas poderán refrescarse e gozar, no campo de baloncesto de As Cercas.

A festa infantil será totalmente gratuíta e sufragada co diñeiro aforrado nos fogos de artificio e bombas de palenque que foron suspendidos por iniciativa do goberno local o pasado ano e á que sumou nesta edición a de “silenciar” as atraccións, retirándolles as luces e a música durante dúas horas todos os días.

A medida contou coa colaboración da Comisión de Festas buscando facilitar o acceso a elas a persoas con hipersensibilidade acústica e lumínica, como é o caso das persoas que teñen un Transtorno de Espectro Autista ou padecen epilepsia e “facendo así de Gondomar un referente en políticas reais de inclusión social, así como un concello sustentable no que se pensa e goberna para todos”, conclúe o alcalde Paco Ferreira.