Baiona cancela as actividades programadas para mañá sábado

O Concello de Baiona cancela as actividades programadas para mañá sábado, día 31 de outubro. O goberno local toma esta decisión por responsabilidade. Deste xeito cancélase a programación do Outubro Diverso organizado pola Concellería de Igualdade, unha charla con Petra Porter e o Comité Marikas x la fiesta sobre “Orgullo, non solo hai un”, que ía ter lugar ás 12:00 horas, e o espectáculo “Las VARIETÉS de Petra Porter” de Combinación Imperfecta, previsto para as 20:30 horas, que pechaban un completo programa de actividades ao redor da visualización das realidades LGBTIQA+ e que se sucedeu ao longo do mes de outubro.

Tamén se suspende o espectáculo interactivo infantil “A Bailar Esqueletes”, a cargo do grupo Animar-T, previsto para as 18:00 horas na Praza do Concello, actividade que se ía a realizar con motivo da celebración do Samaín enmarcada dentro do BaiOutono, organizado pola Concellería de Cultura de Baiona.

“Desde o comportamento exemplar que demostraron os nosos veciños e veciñas ata o de agora, temos que seguir pedindo disciplina e un maior esforzo para minimizar os riscos que seguen estando moi presentes”, indica o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado. Ao mesmo tempo que recomenda “evitar as reunións sociais na medida do posible. O importante agora é seguir cumprindo estritamente as indicacións sanitarias, tal e como a cidadanía baionesa vén facendo con exemplaridade desde o inicio da pandemia”, finaliza o rexedor.

Desde o Consistorio faise un chamamento ao cumprimento estrito de todas as indicacións das autoridades sanitarias, facendo fincapé nas últimas restricións da Xunta de non congregarse máis de cinco persoas.