
O Partido Popular de Gondomar vén de recibir da Valedora do Pobo un escrito no cal se lles fai saber que o concello non contestou ao segundo requirimento de documentación sobre as queixas presentadas nos pasados meses de xuño e xullo polos concelleiros populares.
O PP gondomareño presentou dous escritos de queixa ante a Valedora do Pobo por vulneración do Alcalde do Concello de Gondomar, do dereito de acceso á información e documentación por parte dun concelleiro da Corporación Municipal, así como o dereito á información que, para o exercicio das funcións públicas, establecen os apartados 1 e 2 do artigo 23 da Constitución Española. Estes escritos foron admitidos a trámite o pasado mes de xullo dando lugar ao requirimento de información ao concello por parte da oficina da Valedora.
Nese mesmo mes e debido á falta de actualización do Portal de Transparencia do Concello de Gondomar, os membros do Partido Popular presentaron un escrito de queixa por incumprimento da Lei de Transparencia e da Publicidade Activa. Este escrito tamén foi admitido a trámite pola Valedora do Pobo requirindo igualmente información ó respecto ao Concello de Gondomar.
Todos estes requirimentos non foron atendidos polo Concello no prazo estipulado pola defensora do pobo, polo que se lles remitiu un segundo escrito que tampouco foi contestado.
Dende comezo da lexislatura os membros do Partido Popular de Gondomar veñen queixándose da falta de transparencia de Ferreira, ao ocultar información e negar a entrega de documentación solicitada, chantaxeando aos seus membros con non entregar documentación senón asinaban un acordo de confidencialidade que se quitou da manga e o cal non tiñan obriga de asinar os concelleiros.
No que atinxe ao Portal de Transparencia e a Publicidade Activa, o PP gondomareño presentou unha moción no pleno para a actualización da mesma e foi rexeitada polo goberno municipal, a pesar de recoñecer que estaba baleiro de contido, pero ata o de agora non fixeron nada para solucionalo.
“A falta de transparencia e información por parte do Sr. Ferreira é unha constante dende que comezou esta lexislatura, tal e como veñen denunciando os membros do Partido Popular de Gondomar, e outros membros da oposición. Debería de contestar aos requirimentos que lle fai a Valedora do Pobo, entregar a documentación que lles piden os membros da corporación e actualizar o Portal de Transparencia do Concello” remata dicindo Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.