Sin categoría

A Xunta reclama 600.000 € a Gondomar pola paralización das obras da estación de bombeo

A Xunta de Galicia reclama ao Concello de Gondomar 600.000 euros pola paralización das obras da estación de bombeo. “Se pedían 2 millóns e agora piden 600.000, é que a cousa non vai mal e de entrada algo de razón tiña o Concello, veremos o que din os tribunais”, reflexiona Antonio Araújo, Voceiro do Grupo Municipal de Manifesto Miñor. “Dito isto, o Concello de Gondomar fixo o que era de sentido común, e obrigar a cumprir a lei a quen pensa que aínda existe o dereito de pernada… Paralizar unha macro estación de bombeo de augas fecais no centro da Vila de Gondomar (un pegote de case 200m2 e máis de 2m de alto) nunha zona clasificada como verde de uso público, e polo tanto incompatible con esa infraestrutura como din todos os informes dos técnicos municipais, era o que cumpría facer”.

“Con todo, o peor dese despropósito era a hipoteca de por vida a pagar por todos nós debido aos elevados custes de mantemento e electricidade, etc (uns 35.000€/ano), por non falar do fedor, os ruídos e, cando se producira unha avaría abrir as comportas e veña a merda de todo Gondomar, do CUVI, etc. ao Río Miñor. A proposta do Goberno Municipal daquela, e a miña propia como responsable da área de Urbanismo, foi que fixeran o investimento do proxecto en substituír as tubaxes actuais por outras máis eficientes e estancas, ao que se negaron sen máis explicacións. O por qué desa teima en construír a estación de bombeo no centro da vila, nunca nola chegaron explicar con argumentos serios”, afirma Araújo.

O Voceiro de Manifesto Miñor recorda que Gondomar neste momento corre co mantemento de 3 estacións de bombeo que xuntas non chegan á décima parte da proxectada pola Xunta, e nun cálculo aproximado, nos últimos 10 anos se levan gastado máis de 400.000€, e sempre están dando problemas e vertendo aos ríos. “Iso é o que nos di a realidade sobre este tipo de infraestruturas”.

“Por último, a veciñanza de Gondomar debe saber que a maiores da estación de bombeo proxectada no centro da Vila, no mesmo proxecto recollíase tamén a construción doutra máis pequena a carón da Ponte de Mañufe, complementaria da principal, co obxecto de bombear cara arriba as augas fecais da zona confluintes nese punto para despois volvelas bombear cara abaixo, á EDAR de Donas. Un proxecto absurdo, de dubidosa eficacia e cun custe económico e medio ambiental inasumible para Gondomar”, conclúe Araújo.