O PP de Nigrán suxire ao Goberno Municipal que se derive o diñeiro, que non se gastou nin se gastará, nas actividades culturais e festivas, á Concellería de Benestar Social.
Debido á situación que actualmente estamos a vivir, este ano non se poden levar a cabo moitos dos actos previstos no municipio. Por este motivo, o Partido Popular considera que esa partida orzamentaria debe destinarse a asuntos sociais, co obxectivo de axudar á maior cantidade de persoas necesitadas de Nigrán.
Tamén propoñen realizar unha campaña de Nadal, coa colaboración da asociación de empresarios, para animar e fomentar o consumo local en comercios e hostalería.
Así mesmo, solicitaron ao Alcalde socialista que se coordine e coopere, dunha vez por todas, coas ONG que prestan axuda no Concello.
O PP de Nigrán quere deixar patente a súa enteira disposición para axudar a todas as familias máis prexudicadas por esta pandemia, colaborando e apoiando calquera iniciativa que axude a superar esta situación.

