Senllos pediatras incorpóranse aos centros de saúde de Baiona e Val Miñor

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Centro de Saúde de Baiona.

A Área Sanitaria de Vigo ven de realizar 19 novas incorporacións de facultativos e facultativas aos equipos profesionais da atención primaria. Así, a pasada semana rematouse o procedemento para cubrir con vínculos de longa duración -con nomeamentos de interinidade- 9 prazas de medicina familiar e comunitaria e 10 de pediatría nos centros de saúde da área.

En concreto, os 9 médicos xerais se incorporaron aos seguintes centros: 3 a López Mora, 1 a Lavadores, 1 a Coruxo, 1 a Moaña, 1 a Ponteareas, 1 a Tui e 1 ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Cangas-Moaña. No referido á pediatría, vénse de cubrir 2 prazas de A Doblada, 1 en Pintor Colmeiro, 1 en Val Miñor, 1 en Baiona, 1 en Cangas, 1 en Moaña, 1 en A Cañiza, 1 en Ponteareas e 1 en Tui.

Con esta medida, a Área de Vigo segue avanzado no obxectivo de reducir a taxa de eventualidade da organización en aras a dotar de maior estabilidade no emprego aos profesionais, favorecendo a conciliación laboral e familiar e mellorando tamén a continuidade asistencial.

Incremento do cadro de persoal

Ademais, hai que recordar que este ano o cadro do persoal da atención primaria viguesa dotouse con 18 prazas de nova creación, o que supón o maior incremento de persoal nos últimos anos, con previsión de crecemento tamén no ano 2021.

Así, nos últimos meses incorporáronse 7 especialistas de medicina familiar e comunitaria nos centros de saúde e Puntos de Atención Continuada (PAC); 6 profesionais da enfermería; 3 especialistas de enfermería obstétrica (matronas e matróns) e 2 fisioterapeutas.

Con estas novas prazas xa son 26 as creadas para incrementar os recursos humanos da atención primaria viguesa xa que veñen a engadirse aos 8 novos efectivos -2 fisioterapeutas, 3 especialistas de medicina familiar e 3 de enfermería- incorporados no último trimestre do pasado ano.

Este incremento de recursos humanos enmárcase no desenvolvemento do Plan de Atención Primaria da Consellería de Sanidade, que contempla un importante crecemento dos recursos humanos neste nivel asistencial.