Desirée Vila consegue a mínima B para Tokio no Campionato de España de Promesas Paralímpicas

Durante a celebración do Campionato de España Liberty Seguros de Promesas Paralímpicas de Atletismo, que tivo lugar esta fin de semana en Valencia, a atleta gondomareña Desirée Vila conseguiu a mínima B para optar a participar nos Xogos Paralímpicos de Tokio do próximo verán.

O Campionato de Promesas Paralímpicas, unha das grandes citas do deporte base e do calendario paralímpico español, contou nesta edición por primeira vez con atletas absolutos, que aproveitaron para recuperar sensacións e buscar a mínima que os leve aos próximos Xogos Paralímpicos de Tokio. Así, Desirée Vila, grazas ao seu salto de 3,69 metros na clase T63 (deportistas amputadas por encima dos xeonllos), logrou a mínima B, que agora terá que referendar coa A para optar así a participar nos seus primeiros Xogos.

Atletas chegados desde todos os puntos da xeografía de España déronse cita na capital valenciana para gozar dunha fin de semana marcada por ese regreso ás pistas. De feito, para moitos supoñía a primeira participación en meses. En total, máis dun centenar de atletas, presente e futuro deste deporte, acudiron ao Estadi do Turia.

O Campionato de España de Promesas Paralímpicas de Atletismo de Liberty é unha das grandes datas do deporte basee e do calendario paralímpico español. A pandemia non evitou a celebración dunha nova edición, que contou cun gran despregamento sanitario e con todas as medidas de seguridade e sanitarias oportunas. Grazas a iso, as novas promesas do atletismo paralímpico español déronse cita nun estadio no que primou o ambiente festivo ante a posibilidade de volver competir tras moito tempo de obrigado parón.