O Partido Popular de Nigrán reclama que a Deputación de Pontevedra amplíe e melloren a seguridade viaria na EP-2102, que une este municipio con Gondomar, e censura ao alcalde que “comece a casa polo tellado, e que antes de colocar os quitamedos medie co Goberno provincial para que executen de xeito urxente un proxecto que garanta a seguridade dos usuarios desta estrada”.
O voceiro dos populares, Carlos Abal, sinala que este proxecto non debe limitarse á colocación destas varandas, senón que debe ser máis ambicioso e incluír a corrección de curvas perigosas, a adecuación do ancho da calzada a dez metros naquelas zonas nas que sexa posible e a reparación das beiravías, así como as medidas de seguridade adecuadas para converter este viario nunha verdadeira vía de servizo para as parroquias da zona, especialmente a Chandebrito.
Ademais, entenden que “non parece que sexa difícil nin que requira dun investimento elevado, xa que parte do trazado discorre por zonas de monte nos que non hai ningún elemento nin servizo que requira reposición”. Nesta liña, recordan que en abril de 2019 aprobouse por unanimidade da corporación de Nigrán instar á Deputación para que de forma urxente actuase sobre este vial, e a día de hoxe non hai constancia de ningún progreso ao respecto.
Subliñan que a EP-2102 non conta na maior parte do percorrido con beiravías adecuados polos que poidan transitar os peóns de forma segura, e nalgúns casos ao borde da calzada presenta desniveis moi perigosos. Pero ademais, hai zonas nas que a calzada ten apenas seis metros e as curvas pronunciadas do seu trazado orixina moitos sustos e contratempos.


