O Servizo de Medicina Intensiva do Chuvi puxo en marcha unha nova terapia para pacientes Covid-19

O Servizo de Medicina Intensiva do Chuvi ven de por en marcha unha nova terapia para pacientes ingresados na UCI con infección respiratoria aguda producida polo Covid-19. Trátase duna técnica extracorpórea de lavado de dióxido de carbono (CO2), coñecida como ECCOR2, un sistema de soporte respiratorio que é capaz de mimetizar o funcionamento do pulmón.

O Álvaro Cunqueiro é o primeiro hospital galego en empregar este sistema neste tipo de pacientes, cun pronóstico moi grave, con compromiso vital, e cando teñen fracasado as técnicas respiratorias convencionais.

“Na nosa UCI levamos utilizando esta técnica hai xa un par de anos, en pacientes con enfermidade pulmonar crónica. Os bos resultados acadados fixeron que estudásemos o seu emprego con pacientes Covid. Polo de agora levamos utilizando esta técnica en dous pacientes, un que evolucionou moi favorablemente e xa foi dado de alta hospitalaria hai uns meses, e outro ao que precisamente se a implementamos o pasado luns, e continúa ingresado con este tratamento na UCI”, explica o intensivista Nacho Chico.

Manifestacións diferentes do Covid

O obxectivo é que o pulmón se recupere das lesións a través do repouso da súa actividade, e que sexa unha máquina quen lle substitúa na realización desas funcións. En concreto, o ECCOR2 realiza a función respiratoria de depurar ou “lavar” o sangue do paciente, e a través dunha cánula introducida no corpo do enfermo extraese a sangue para eliminar o exceso de dióxido de carbono.

“Ten unhas indicacións moi concretas. Cando o resto de manobras de protección pulmonar convencionais teñen fracasado, nos plantexamos deixar os pulmóns en repouso, co paciente sedado; isto é, a máquina en si mesma non cura pero posibilita deixar o pulmón en descanso, e o seu proceso inflamatorio, ao igual que calquera outro, necesita tempo para recuperar”.

A infección por Covid-19 produce un cadro chamado distrés respiratorio agudo severo. Trátase dunha reacción do sistema inmune fronte ao virus, polo que os pulmóns se enchen de líquido que impide o seu correcta funcionamento. Nos alvéolos se realiza a transferencia vital nun dobre circuíto: por un lado, achegan o aire que osixena a sangue e o resto dos órganos do corpo, e por outro, recollen o dióxido de carbono da sangue que tense que eliminar a través da respiración.

Os especialistas en medicina intensiva teñen constatando que o comportamento do novo coronavirus nos pulmóns, a reacción inflamatoria que provocan, é en ocasións diferente ao distrés clásico xa que, en xeral, os enfermos presentan unha osixenación aceptable pero teñen incapacidade para eliminar o dióxido de carbono do sangue. Unha elevada concentración de CO2 é un factor de moi mal prognóstico, asociado a unha maior mortalidade.

“Temos visto que nestes pacientes o problema non é solo que o aire non chegue ao alvéolo, senón que eliminan mal o CO2. Isto leva a pensar que puidera existir tamén complicacións de índole circulatoria, relacionadas cunha doenza tromboembólica pulmonar, é dicir, de coágulos nos vasos sanguíneos nos pulmóns.”

Técnica menos invasiva

A Unidade de Coidados Intensivos do Álvaro Cunqueiro ven empregando desde hai tempo un sistema similar, o ECMO (circulación por membrana extracorpórea), que basicamente tamén realiza as funcións do pulmón. A través de dúas cánulas extraen todo o sangue do corpo para osixenala e logo retornala ao organismo. No Cunqueiro realizan esta terapia a unha trintena de pacientes ao ano.

A diferencia fundamental coa nova técnica ECCOR é que esta última busca unha finalidade diferente -eliminar o CO2 e non osixenar- polo que necesita menos fluxo de sangue e, en consecuencia, as membranas utilizadas son máis pequenas, empregando unha sola cánula extractora, tamén máis estreita, e diminuíndo así a necesidade de anticoagulación. En xeral, é una técnica menos invasiva que o ECMO, e diminúe considerablemente o risco de complicacións.

Sen embargo -conclúe o doutor Chico- “aínda que estamos moi expectantes ante este novo uso da técnica, aínda é pronto para obter conclusións, e non se ten realizado ningún estudo sobre a súa eficacia. Necesitamos seguir investigando e aprendendo sobre novas terapias e o comportamento clínico deste virus e das enfermidades que provoca”.