O PP acusa o goberno de Baiona de partir as facturas do servizo de limpeza para evitar a licitación

O PP de Baiona denuncia que o goberno local incorreu, presuntamente, en fraude ao fraccionar o contrato á empresa do servizo de limpeza viaria que traballou durante este verán para que non superase o tope de 15.000 euros que recolle a Lei de Contratos do Sector Público, creada para loitar contra a corrupción, na contratación de servizos e, todo parece indicar, evitar así a licitación pública.

O grupo municipal popular tivo acceso a dúas facturas presentadas pola mesma empresa, unha rexistrada o pasado un de setembro por valor de 13.800 euros e a outra o dous de outubro por 13.100 euros. Ambas as dúas polo mesmo traballo e concepto e polo dobre da cantidade que permite a lei. Aínda quedaría pendente unha terceira que, entenden os populares, pasarase unha vez termine a última prórroga do servizo. “Agora entendemos por que querían duplicar as partidas para contratos menores o pasado mes de maio no pleno utilizando como escusa o Covid-19”, lembra o PP.

Segundo os populares, á “falta de planificación” e a “desorde” que levan mostrando o socialista Carlos Gómez e o seu equipo desde que comezaron a gobernar engádense agora as posibles fraudes nas contratacións que superan con fartura o tope máximo estipulado pola lei.

Ademais, esta forma de actuar do goberno local e esta “falta total de transparencia” leva ao PP para pensar que a intención do tripartito do PSdeG, BNG e Nós é a de acabar privatizando o servizo de limpeza viaria. Outra mostra máis de que este goberno que se proclama progresista “fai totalmente o contrario ao que predica”.