Sin categoría

A CEMMA celebra o Día da Balea cunha conferencia-debate co Dr. Álex Aguilar

O día 21 de outubro de 1985 cazouse a derradeira balea en Galicia, aquel momento marcou un fito que remataba cunha actividade que estivo viva, aínda que en diferentes fases, dende a idade media. Os portos do norte de Galicia teñen un amplo historial baleeiro, e mesmo aínda hoxe o escudo municipal do Concello de Laracha conserva a imaxinería da caza da balea, debido á grande importancia que tivo a actividade baleeira no porto de Caión.

Iso é polo que a CEMMA, en homenaxe ao sacrificio das baleas durante tantos séculos e que formaron parte a economía pesqueira en Galicia, vén celebrando dende hai uns anos, o Día da Balea (21 outubro), como data senlleira na que o pobo galego acadou a paz coas baleas. O peche das factorías baleeiras supuxo o final da actividade baleeira no sur de Europa.

FORO CEMMA

A través da plataforma do FORO CEMMA poñendo chave de acceso: AGUILAR pode participarse na conferencia-debate, que dará comezo mañá mércores ás 20:00 horas. O Dr. Álex Aguilar será presentado polo biólogo e presidente de CEMMA José A. Martinez Cedeira, e posteriormente á conferencia abrirase debate co especialista.

O tema será centrado na “Alimentación das baleas e as súas relaciones de competencia”, interesa especialmente despois deste verán e outono que está sendo moi prolífico nos avistamentos de baleas. Así o constataron esta mesma fin de semana durante o embarque participativo da CEMMA, na que puideron ser observados varios exemplares entre elas unha balea azul. Nesta tempada téñense observado exemplares de balea común, azul, boreal e alibranca, a nación balea case ao seu completo.

O doutor Álex Aguilar é catedrático do Departamento de Bioloxía Evolutiva, Ecoloxía e Ciencias Ambientais e Xefe do Grupo de Investigación de Grandes Vertebrados Mariños da Universidade de Barcelona. Autor dun grande número de artigos e publicacións científicas, membro dos comités científicos da Comisión Internacional da Baleeira (IWC) e da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN).

Traballou de biólogo nas factorías baleeiras nos anos 80 resultado do cal publicou o libro CHIMÁN, a día de hoxe a recompilación máis completa sorbe a caza de baleas na Península Ibérica.