O PP de Baiona critica a “falta de planificación” do tripartito na entrega dos calendarios de 2020

O PP de Baiona reprocha ao tripartito que nestas datas non se repartiron todos os calendarios de 2020 aos veciños. Un feito do que culpabilizan directamente á “falta de planificación” e á “improvisación” do Alcalde, Carlos Gómez (PSdeG), e dos seus socios de goberno (BNG e NÓS). Para os populares, é “inconcibible” que “se empezou agora, ao 16 de xaneiro de 2020, a buzonear” de forma que haberá veciños a que o recibirán, como mínimo, a mediados de febreiro. “Percorrer todas as parroquias levaralles polo menos tres semanas máis”, apostilan.

A impresión e a repartición destes calendarios é toda unha tradición en Baiona. Durante máis de dúas décadas os diferentes gobernos locais “organizáronse” para que os veciños empezasen o ano co calendario nas súas vivendas. Con todo, explican desde o grupo popular municipal, “é a primeira vez en vinte anos que isto non ocorre” e, de feito, “todo o mundo pensaba que este ano non habería” porque “non é normal que desde o Concello non se planificou a repartición nin se informou aos veciños de que podían recollelos nas dependencias municipais”.

Improvisación e deixamento

Os exemplares, ata o de agora 5000, chegaron ao Concello o pasado 20 de decembro e desde entón permaneceron amontoados en caixas ata onte cando, ante as continuas preguntas dos veciños, “ocorréuselles” activar a repartición. “Por moita présa que se dean os traballadores municipais, percorrer todas as casas das cinco parroquias de Baiona non lles levará menos de tres semanas de forma que “haberá veciños aos que lles chegará a mediados de febreiro”. “Animamos ao equipo de goberno a poñerse as botas e baixar á rúa, fóra do horario laboral, para axudar na repartición e asumir así as consecuencias da súa desidia como responsables municipais”, alentan.

Desde o PP baionés lamentan que, mesmo, nunha cuestión tan “previsible” como esta que leva instaurada no municipio máis de 20 anos, ao trigoberno “tamén lle pillara o touro”. Para o principal partido da oposición, isto demostra que “a xestión do Concello queda moi grande” e imploran ao Sr. Gómez como máximo responsable a “poñerse a traballar” e a “organizar o caos” entre os seus concelleiros e nas áreas que dirixen porque “os veciños non se merecen que dilapiden o seu diñeiro en soldos e fume durante catro anos”. “Non só non achegan nada novo a Baiona senón que están a acabar con todo o que había, desde as axudas ao transporte para os estudantes do instituto ata a repartición duns simples calendarios”, claman.

Anuncios