Baiona estreará en novembro o seu novo anuncio publicitario

O Concello de Baiona estreará o próximo mes de novembro o novo anuncio publicitario da Vila. Producido pola nova produtora UFO Espacio Creativo e dirixido por Roi Grandío, de 23 anos, foi rodado no mes de setembro cun equipo técnico novo no que ninguén alcanza os 30 anos e un elenco actoral de xente de Baiona. O vídeo, de 4:25 minutos de duración, une o pasado e presente da vila mariñeira baixo o slogan “Baiona, o futuro escríbelo ti”.

Conta a historia de Mario, un neno que non quere mudarse da súa actual vivenda, ata que o seu avó cóntalle que de pequeno tamén tivo que irse de Baiona, un lugar “feito de granito, salitre e lendas, e unha fortaleza que protexe un gran tesouro”. O vídeo mestura ademais imaxes terrestres con espectaculares imaxes aéreas do Faro de Cabo Silleiro, a Fortaleza de Monte Real, a Virxe da Rocha, a Baía de Baiona, A Ladeira, o Casco Vello, Chan da Lagoa ou a Serra da Groba.

O vídeo, que emocionou e sacou unhas bágoas ao alcalde cando o visualizou por primeira vez, comeza e termina no Faro de Cabo Silleiro. “Aquí xúntanse pasado e presente, o futuro escríbelo ti”, sentencia o avó ao neto. “Supera, con fartura, as expectativas que tiñamos no proxecto”, destacou o rexedor, Carlos Gómez. A estrea será na Praza do Concello nunha data aínda por determinar.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.