O baionés Omar Rodríguez proclámase campión de España U23

O baionés Omar Rodríguez, integrante do Club de Loita Sabarís, acaba de proclamarse campión de España Sub 23 de Loitas Olímpicas nos Campionatos de España Júnior e U23 disputados no Hotel Roc Doblemar na Manga do Mar Menor, en Murcia. O seu compañeiro de equipo, o tamén baionés David González, proclamouse subcampión de España Júnior.

Galicia acudiu cun número moi reducido de deportistas, debido a dúas razóns fundamentais: o risco que conleva a participación pola pandemia sanitaria provocada polo COVID 19 e porque moitos dos deportistas galegos, a día de hoxe, non puideron comezar cos adestramentos, debido á non apertura de moitas instalacións deportivas.

Pechouse un hotel para albergar as diferentes competicións: Libre Olímpica, Libre Feminina e Grecorromana, dos grupos de idade júnior e U23. Todos os competidores tiveron que presentar un test negativo antes de viaxar a Murcia, para poder participar.

As medidas de seguridade foron extremas, co confinamento dos deportistas nas súas habitacións. Só permitindo saír aos deportistas, acceder á zona de quecemento 30 minutos antes do momento da súa competición. Os accesos estiveron diferenciados, do mesmo xeito que as zonas de quecemento. O uso de máscara foi obrigatorio en todo momento excepto durante os combates.