Nigrán pasa a nivel de alerta 2 no mapa Covid da Xunta

Segundo os datos publicados este sábado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Nigrán pasa a nivel de alerta 2, o que significa segundo o semáforo de cores que utiliza a Xunta que nos últimos 7 días foron confirmados por PCR entre 14 e 21 casos. Nigrán contabiliza ademais nestes momentos segundo o Sergas un positivo no CEIP Humberto Juanes aínda que sen ningunha aula pechada. Gondomar continúa en nivel de alerta 1 desde o xoves, polo que foron confirmados por PCR entre 7 e 14 casos nos últimos 7 días. Baiona permanece en nivel de alerta 0, con menos de 7 casos confirmados por PCR nos últimos 7 días.

Na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.745, deles 807 son da área da Coruña, 425 da de Lugo, 1.610 da de Ourense, 416 da de Pontevedra, 632 da área de Vigo, 686 da de Santiago, e 169 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 40 están en UCI, 229 en unidades de hospitalización e 4.476 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 23.078 persoas curadas, rexistrándose 815 falecementos. O número de PCR realizadas é de 579.828.