Case douscentos veciños de Medialdea, barrio da parroquia baionesa de Belesar, presentaron un escrito dirixido ao alcalde de Baiona coa solicitude de que lle reclame á empresa encargada da instalación da fibra óptica o cumprimento do convenio (Plan de Banda Longa).
Nesa parroquia despregouse hai meses o cableado que permitiría a conexión á banda ancha, mais aínda non se activou, polo que boa parte da poboación continúa cun servizo moi precario. Temen que, rematado o prazo establecido no convenio, a empresa cobre as subvencións por unha rede de fibra óptica inútil, “o que sería unha broma de mal gusto pagada con cartos públicos”.
“A conexión á banda longa prometida é unha necesidade urxente para a mellora da comunicación das empresas, autónomos, estudantes etc. sobre todo nestes momentos en que a pandemia nos obriga a depender máis dunha conexión rápida a internet”, conclúen.

