Baiona finaliza a sinalización e mellora do Camiño Portugués da Costa

O Concello de Baiona vén de finalizar a sinalización e mellora do Camiño Portugués da Costa ao seu paso polo municipio. Esta actuación revaloriza e promove esta ruta xacobea, que non deixa de crecer desde o seu asentamento no ano 2016 tras a aprobación da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia.

En 2018 percorrérono case 14.000 peregrinos, exactamente a metade que o ano anterior. A medida supón unha mellora na sinalética, coa colocación de 12 fitos de pedra nos montes e nos puntos quilométricos, 16 cunchas de bronce no centro histórico, 59 cunchas de cerámica para o tramo restante e varios valos metálicos, quedando todo isto adaptado á normativa vixente.

Tamén supón unha mellora na protección e conservación deste tramo da ruta xacobea de 9,4 km., así como no impacto visual, sobre todo no centro histórico da vila. “Sen dúbida é unha medida que beneficia tanto aos peregrinos, que teñen menos probabilidade de extraviarse como a todos os veciños de Baiona. O noso camiño ten un potencial tremendo e seguimos traballando desde o Concello en potencialo e divulgalo”, afirma o alcalde, Ángel Rodal.