Gondomar tamén pasa a nivel de alerta 1 no mapa Covid da Xunta

Segundo os datos publicados este xoves pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Gondomar pasa a nivel 1 de alerta, o que significa segundo o semáforo de cores que utiliza a Xunta que nos últimos 7 días foron confirmados por PCR entre 7 e 14 casos. Nigrán, que ademais contabiliza nestes momentos segundo o Sergas un positivo no CEIP Humberto Juanes aínda que sen ningunha aula pechada, está en nivel de alerta 1 desde o martes. Baiona continúa en nivel de alerta 0, con menos de 7 casos confirmados por PCR nos últimos 7 días.

Na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.569, deles 770 son da área da Coruña, 467 da de Lugo, 1.592 da de Ourense, 419 da de Pontevedra, 534 da área de Vigo, 639 da de Santiago, e 148 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 42 están en UCI, 223 en unidades de hospitalización e 4.304 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 22.550 persoas curadas, rexistrándose 803 falecementos.