Entre as medidas de prevención fronte ao COVID-19 adoptadas polo Concello de Baiona en canto aos servizos e actividades, o Concello acorda a suspensión do mercado semanal dos luns. Esta medida estará vixente desde o vindeiro luns 21 de decembro ata nova orde en función da evolución epidemiolóxica.
“Desde o comportamento exemplar que demostraron os nosos veciños e veciñas ata o de agora, temos que seguir pedindo disciplina e un maior esforzo para minimizar os riscos que están moi presentes”, indica o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado. Ao mesmo tempo que recomenda “evitar as reunións sociais na medida do posible. O importante agora é seguir cumprindo estritamente as indicacións sanitarias, tal e como a cidadanía baionesa vén facendo con exemplaridade desde o inicio da pandemia”, comenta o alcalde, Carlos Gómez Prado.
Pola súa banda, o concelleiro de Comercio e Mercado, Víctor Muñoz, lamenta “ter que adoptar unha decisión tan drástica nun momento tan duro para os comerciantes pero debemos priorizar o benestar tanto da cidadanía como dos propios comerciantes, parecendo pouco razoable manter a celebración do mercado onde hai alto risco de contaxio pola manipulación directa de mercadoría”.
Desde o Consistorio faise un chamamento ao cumprimento estrito de todas as indicacións das autoridades sanitarias, facendo fincapé nas últimas restricións da Xunta de Galicia.

