Unha vintena de voluntarios eliminan plantas invasoras nas dunas de Praia América

O Concello de Nigrán iniciou onte o novo programa de voluntariado ambiental incluído no proxecto do GALP “Recuperando o litoral. Accións de mellora patrimonial e ambiental de Praia América e Panxón”. O grupo de voluntarios, composto por unha vintena de persoas, traballou na eliminación de dúas especies de plantas invasoras nas dunas, a conyza canadienses e margarita africana, co obxectivo de erradicalas por completo nas dunas de Praia América-Panxón ao longo das 3 xornadas de voluntariado. Ademais, enmarcado tamén no ámbito divulgativo deste proxecto, haberá diferentes roteiros ao longo do mes, todos con inscrición previa e limite de aforo por protocolo sanitario.

As xornadas de voluntariado ambiental consisten na eliminación de plantas exóticas invasoras, mellora das condicións dunha planta ameazada, recollida de lixo e realización de actividades divulgativas e de sensibilización sobre o litoral. Estas actividades matinais de voluntariado (de 11 a 14:00 horas) están guiadas por un educador ambiental e a asociación ecoloxista Amigos da Terra e compleméntanse con roteiros ambientais durante a tarde (16:00 horas) só para este voluntariado, coa finalidade de agradecer o seu traballo e aumentar a súa sensibilización na conservación do espazo. As próximas xornadas serán o 17 e 24 de outubro, e os interesados deben ser maiores de idade e inscribirse a través do mail turismo@nigran.org achegando os seus datos e indicando no asunto “Voluntariado Ambiental”. A inscrición está aberta a un ou varios días, debendo indicalo o interesado. Toda a actividade cumprirá coa Lei de Voluntariado, polo que tamén incluirá o xantar.

Igualmente, o Concello realizará tres roteiros ambientais ao marxe das xornadas de voluntariado. O primeiro será o 11 de outubro por Monteferro, o segundo o 25 de outubro polo esteiro de A Foz do Miñor e o último o 31 de outubro polo espazo dunar de Praia América. Finalmente, realizaranse senllos roteiros temáticos, un sobre a cultura mariñeira de Nigrán o 18 de outubro e outro sobre o patrimonio etnográfico do mar o 1 de novembro. Todos serán ás 11:30 horas e, por cuestións de protocolo sanitario e o consecuente límite de aforo, é preciso a inscrición previa no mail turismo@nigran.org indicando os datos de todos os participantes e o roteiro en concreto no que se desexa participar.

O proxecto “Recuperando o litoral. Accións de mellora patrimonial e ambiental de Praia América e Panxón” obtivo a maior puntuación do GALP, que o subvenciona con 45.451,23€ e inclúe un apartado de intervencións. Así, construirase un observatorio de aves, e instalarase unha varanda de seguridade na pasarela existente na duna de Praia América-Lourido e unha pasarela flexible de madeira para o acceso á praia en catro puntos da mesma.